InstalacionesBiblioteca

A Biblioteca do Seminario constitúe, sen dúbida, un dos bens culturais de maior relevancia da provincia de Lugo. Conta cuns 100 000 exemplares de notable calidade e valor bibliográfico.

O fondo máis antigo da mesma está formado pola Biblioteca Episcopal da que foi autor o bispo Armañá (s. XVIII). A este fondo hai que engadirlle o do bispo Balanzá (s. XIX) e partes moi significativas de doazóns de persoeiros ilustres.

A sé da Biblioteca é o Seminario Diocesano.  Está xestionada por un bibliotecario xunto co Consello de profesores, formado por seis profesores do centro. A Biblioteca é de titularidade privada aínda que o seu uso é público e gratuíto. Abonda con facerse socio da mesma.

A biblioteca do Seminario de Lugo é unha das más antigas de Galicia. As súas orixes remóntanse ás primeiras bibliotecas episcopais da alta Idade Media. Nela atópanse moitos volumes de incalculable valor histórico debido a que son únicos. A biblioteca publica a revista LVCENSIA, unha miscelánea de Cultura e Investigación, que agrupa traballos de diverso xénero relacionados coa provincia de Lugo e a Diocese lucense.

Os fondos bibliográficos albergan unhas 20 000 fichas de libros de toda índole pero sobre todo relacionados coas letras, o dereito, a historia, as humanidades, a psicoloxía, filosofía e a teoloxía.

As materias mellor representadas son as que se refiren ás ciencias eclesiásticas, teoloxía, escritura, dereito, historia eclesiástica e filosofía pero non debemos excluír outras ramas do saber como medicina, obras que foron expostas nun congreso internacional de Madrid. Tamén conta con libros de ciencia. No Seminario de Lugo comezou a súa andadura coma sacerdote e coma científico o ilustre Ramón Mª Aller, un dos poucos científicos españois e galegos do século XIX recoñecidos mundialmente polo seu labor no terreo da astrofísica.