O Seminario Menor Diocesano de Lugo renóvase e amplía a oferta educativa en Lugo
- Iníciase a reserva de prazas para o Colexio Diocesano San Lorenzo, un espazo educativo para alumnado de ESO e BAC que depende da Diocese de Lugo. Tamén ofrecerá ciclos formativos privados de grao medio e superior no ámbito deportivo e o socio sanitario.
- O Colexio, que continúa e amplía a tarefa educativa do CPR Seminario Menor de Lugo, quere ofrecer un espazo para a formación cristiá e o desenvolvemento integral da persoa, dirixido á mocidade e ás familias lucenses.
- Buscando unha maior apertura na súa oferta educativa, o Colexio Diocesano San Lorenzo será mixto, dando así unha mellor resposta ás necesidades educativas das familias.
- O Colexio Diocesano seguirá sendo, así mesmo, o Centro Educativo no que estudarán os seminaristas menores da Diocese.
(Lugo, 4 marzo de 2021).- O Seminario Menor Diocesano de Lugo integra un centro privado de ESO e BAC que se presenta agora baixo un novo nome, que xunta tradición e novidade: Colexio Diocesano San Lorenzo. A partir do 8 de marzo de 2021 está aberta a reserva de prazas para o curso académico 2021-2022.
Tempos de renovación, mesmas raíces
O Colexio Diocesano San Lorenzo, que depende da Diocese de Lugo, quere ofrecer innovadoras
propostas de formación e unha maior apertura á mocidade. Sobre unha base sólida de valores cristiáns, proponse desenvolver unha vida social, profesional e familiar plena entre os alumnos.
San Lorenzo fai referencia ao primeiro nome oficial que tivo o Seminario Conciliar Diocesano de Lugo («Seminario Conciliar de San Lorenzo») na súa fundación no séc. XVI, e ao santo ao que foi dedicado.
O vicerreitor do Seminario, Luis Varela, afirmou sobre esta nova etapa: «Queremos pór a disposición do maior número de familias e alumnado a ampla experiencia educativa que se forxou no Seminario Menor ao longo dos anos, achegando unha nova oferta formativa de interese na cidade e na Diocese.Trátase de sumar, engadir para non perder nada do atesourado, engadir para non perder nada do atesourado ao longo dos anos, e facelo dispoñible a máis persoas».
A renovada aposta que o Seminario Diocesano Menor de Lugo fai por medio do Colexio Diocesano
San Lorenzo aumenta as opcións do alumnado e as súas familias, e busca atender a demanda dalgúns ciclos formativos de grao medio e superior para os cales hai pouca oferta na provincia, sobre todo no ámbito deportivo e o socio sanitario.
Formación de calidade con valores cristiáns e maior alcance
Esta actualización da oferta educativa en Lugo conta coa apertura á formación profesional privada: instalacións renovadas, numerosas aulas e aulas-taller, varios laboratorios, pavillón deportivo e patio exterior, así como outros servizos e espazos que enriquecen o centro, como os servizos de cociña e comedor, varias capelas e unha biblioteca con máis de 100 mil volumes.
Doutra banda, na súa aposta por chegar ao maior número de alumnado mantendo o ideario dunha formación cristiá integral, o novo Colexio Diocesano San Lorenzo será mixto. Así, a Diocese ofrece un novo espazo de educación de calidade, e o colexio segue sendo, ademais, o centro educativo no que estudan os seminaristas menores. Esta fórmula, xa presente en moitas outras dioceses, nas que os seminaristas se forman academicamente xunto a outros moitos alumnos e alumnas en colexios diocesanos ou concertados, desenvolve tamén unha importante indicación do novo plan de formación sacerdotal: que os futuros presbíteros se formen nun contexto onde a muller teña protagonismo. E enmárcase dentro do Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco e o compromiso con «procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil».
O novo Colexio Diocesano será un Centro Educativo mixto, no que estudarán tamén os seminaristas
menores xunto aos demais alumnos e alumnas, distinto do Seminario Menor, que seguirá sendo un espazo de vida comunitaria e formativa para aqueles nenos que queiran discernir a súa vocación ou fixesen xa unha primeira opción cara o sacerdocio. O Seminario Menor seguirá contando cos seus espazos propios, convenientemente diferenciados do resto das instalacións educativas, que pasan a conformar o Colexio Diocesano.
O Colexio Diocesano San Lorenzo abre, pois, as súas portas a todas as familias, para que valoren esta opción formativa para os seus fillos e fillas, e poidan unirse á aventura educativa que o Centro desexa relanzar, cun horizonte máis variado e plural, para o vindeiro curso académico 2021-2022.