
1598
O Seminario de Lugo fundouse no ano 1598 como unha institución ao servizo da formación do futuro clero da Diocese.
O 11 de decembro, o bispo D. Lorenzo Asensio de Otaduy y Avendaño, de acordo co Cabildo, e para cumprir coas recentes disposicións recentes do Concilio de Trento, establece o Seminario diocesano de Lugo, dándolle o título oficial de Seminario Conciliar de S. Lorenzo, título que fai referencia ó Concilio que dispón a súa existencia e ó nome do bispo que o fundou.
Deste xeito o Seminario de Lugo é un dos primeiros seminarios de España e o segundo de Galicia, despois do de Mondoñedo, en ser creado de acordo co establecido polo Concilio de Trento.
1599
O 9 de marzo de 1599 o Bispo promulga as primeiras Constitucións do Seminario nas que se determina que sexan 36 os seminaristas bolseiros, naturais da diocese, elixidos entre os aspirantes por un tribunal que xulgará os méritos e o cumprimento das condicións esixidas para o ministerio sacerdotal.
Os estudos de teoloxía organizáronse ao longo dos anos de distinta maneira de acordo coas tendencias de cada época, seguindo as directrices que procedían de Roma e o modelo imposto polas facultades universitarias ou o utilizado nas casas de formación das distintas familias relixiosas: xesuítas, dominicos, franciscanos, etc.
Na organización dos estudos teolóxicos tivo sempre unha relevancia especial sobre as demais disciplinas a Teoloxía Moral, coa aplicación práctica dos Casos, como supostos máis ou menos complicados que era necesario resolver; esta relevancia debíase, sen dúbida, á finalidade fundamental dos estudios teolóxicos do Seminario, que era preparar os futuros sacerdotes para que fosen nas distintas parroquias ou comunidades mestres de vida cristiá na orientación das conciencias e na promoción e conservación dos bos costumes.
1779
A mediados do século XVIII xorde nos seminarios unha crise académica que se manifesta na oposición entre os partidarios do sistema antigo e a tendencia innovadora que intentaba romper os modelos do escolasticismo e incorporar ós estudios eclesiásticos novas materias e métodos, como xa se facía noutras nacións de Europa.
De acordo con este clima xeral o bispo frei Francisco Armañá, o 30 de marzo de 1779, establece varias innovacións na organización académica e disciplinar do Seminario. Este bispo ilustrado creou no Seminario unha biblioteca pública para a utilización dos seminaristas, dos sacerdotes e dos laicos en xeral preocupados polas Ciencias Relixiosas.
Coa desamortización esta biblioteca foi suprimida, pasando á Deputación Provincial os libros de materias profanas (Matemáticas, Física, Química, Bioloxía) e ao Seminario os libros de Teoloxía e Ciencias relixiosas o que constitúe a base orixinaria da actual Biblioteca do Seminario; aínda agora o continxente máis importante do Fondo Antigo desta biblioteca é o que procede da Biblioteca do bispo Armañá.
1792
No ano 1792 establécese un plan de estudos anovado: Aparece a materia “De LocisTheologicis” (Teoloxía Fundamental) e terase clase diaria dos Evanxeos segundo o pensamento de san Agostiño e de santo Tomás. Os estudosdo Seminario terán a duración seguinte: cinco anos de Gramática, tres de Filosofía e tres de Teoloxía.
1852
No Real Decreto de 21 de marzo de 1852, que desenvolve o artigo 28 do Concordato, autorízase aos seminarios diocesanos a conferir o grao de Bacharelato en Teoloxía e en Cánones; incluso nestes centros se podían cursar as materias para a Licenciatura e o Doutoramento.
Deste xeito, o Seminario de Lugo quedaba incorporado á organización académica dos estudos eclesiásticos vixente entón en tódolos seminarios de España.

1888
A finais do século pasado o antigo edificio onde viña funcionando o Seminario era incapaz de acoller acrecente demanda de aspirantes ao sacerdocio e, como non era posible pensar nunha ampliación do edificio existente polo lugar no que se atopaba a carón da muralla; e porque ademais resultaría unha obra pouco esvelta feita de remendos, empezou a pensarse na construción dun novo edificio para o Seminario.
Foi o bispo frei Gregorio Aguirre quen acometeu a tarefa da edificación do novo Seminario. Encomenda a obra ao célebre arquitecto lucense, o Sr. Cobreros, que comeza a edificación no ano 1888. O novo Seminario rematou no mes de xullo 1893. Trátase dun edificio que aínda actualmente pode considerarse como un dos máis destacados de Lugo e, no seu tempo, foi un dos mellores seminarios de España. O curso de 1893-1894 foi inaugurado no novo edificio.
1929
A primeira metade do século XX caracterízase por unha constante ampliación de locais para atender as numerosas peticións de ingreso nos estudos do Seminario. Constitúense en diversos lugares da Diocese preceptorías, que eran centros onde se cursaban os catro anos de Latinidade.
O 12 de setembro de 1929 o bispo D. Rafael Balanzá y Navarro funda o Seminario Menor nun edificio adquirido aos H.H. Maristas, actualmente desaparecido. Así mesmo, amplía o edificio do Seminario Maior construíndo un pavillón adosado pola parte de atrás, con pranta baixa e dous pisos.
1946
Posteriormente, en 1946 inaugúrase un novo pavillón para Seminario Menor, ao lado da muralla, actualmente cedido ao Concello de Lugo para establecer as oficinas municipais de servicios. En toda esta primeira metade do século, ata os anos 70, os Estudos Teolóxicos do Seminario coñeceron unha etapa de esplendor, tanto polo número de alumnos como pola importante labor dos profesores, de gran valía e adicación, e pola actividade académica desenvolvida.
A organización dos Estudos Teolóxicos neste tempo experimenta unha forte actualización e renovación de acordo coas novas adquisicións nas ciencias relixiosas: auméntase e número de materias con novas disciplinas, utilízanse como libros de texto autores recoñecidos da chamada Neoescolástica, e dáselle maior extensión aos estudos de Sagrada Escritura.
1976
A partir do Concilio Vaticano II, na década dos anos 70, experimentou, como en tódalas dioceses de España, un notable descenso nas vocacións sacerdotais, coa conseguinte diminución de alumnos nos Estudios Teolóxicos. Dada a escaseza case total de alumnos nos Estudios Eclesiásticos, no ano 1976 suprímese esta ensinanza no Seminario de Lugo. Os poucos candidatos ao sacerdocio cos que conta a diocese de Lugo van cursar Estudos Eclesiásticos ao Instituto Teolóxico Compostelán, con sé no Seminario Maior da Arquidiocese.
Ante o incremento de alumnado, a problemática causada pola ausencia dun claustro na Diocese e a escasa inserción dos seminaristas na vida diocesana, decídese restaurar, no curso de 1986-1987, os Estudios Eclesiásticos no Seminario Diocesano. O plan académico nestes Estudios teolóxicos restaurados é o aprobado pola Conferencia Episcopal Española para os Seminarios Diocesanos.
1977
Para darlle unha maior dignidade académica aos Estudios Eclesiásticos do Seminario e tendo en conta a recomendación da Conferencia Episcopal Española pensouse en afiliar estes estudos a unha Facultade de Teoloxía. Pareceu que esta Facultade debería ser loxicamente a da Universidade Pontificia de Salamanca, por ser a Universidade propia da Igrexa Española, polos vínculos históricos que a diocese de Lugo posúe con esta Universidade e por pertencer ao ámbito xeográfico da súa influenza.
No curso 1997-98 empezáronse a facer as xestións necesarias para isto. Despois de varios contactos persoais coas autoridades da Universidade por parte do xefe de estudios, o Sr. bispo frei Xosé Gómez González, con data 26 de decembro de 1997, envía aoReitor da Universidade Pontificia de Salamanca a solicitude de afiliación dos Estudios Eclesiásticos do Seminario de Lugo á Facultade de Teoloxía de dita Universidade.

1999
Aceptada esta solicitude, realizáronse os trámites oportunos: informe dunha comisión da Universidade, aprobación do Consello de Dirección e da Conferencia Episcopal, e finalmente a Sagrada Congregación para a Educación Católica, con data 3 de marzo de 1999, aproba a afiliación solicitada.
De acordo con esta afiliación créase o Instituto Teolóxico Lucense onde se imparten as ensinanzas de Teoloxía con rango universitario e coa facultade de conceder aos alumnos que superen un exame final ante un tribunal mixto de dous profesores do centro e un da Facultade de Teoloxía de Salamanca, o grao de Bacharelato en Teoloxía, validado civilmente como Licenciado en Estudios Eclesiásticos.
Esta nova estrutura dos estudos do Seminario sen dúbida promoverá un rexurdimento no interese dos alumnos e na adicación dos profesores e terá gran repercusión para a igrexa diocesana.