O alumnado de 1.º, 2.º, 3.º e 4.º da ESO puxo o broche de ouro ao proxecto vertical “Galicia: Voces, Raíces e Paisaxes” cunha xornada chea de experiencias significativas, aprendizaxes activas e conexión co territorio que nos rodea. Ao longo do trimestre, cada curso afondou en distintas dimensións da nosa identidade como galegos: a natureza, a historia, a cultura, a lingua e o patrimonio. A celebración final foi a mellor mostra do seu compromiso, creatividade e entusiasmo.
1.º ESO:
Na saída interdisciplinar, os alumnos visitaron o Parque Rosalía de Castro, onde puxeron en práctica coñecementos de Bioloxía, clasificando follas, identificando especies e reflexionando sobre o impacto humano no medio. En Matemáticas, resolveron retos pola cidade, como o cálculo do perímetro da muralla ou a resolución de ecuacións ao aire libre. E en Xeografía e Historia, viaxaron ao pasado romano de Lugo visitando a Casa dos Mosaicos, a muralla e a Catedral.
2.º ESO:
A xornada comezou cunha visita á Catedral e ao seu museo, guiada por Marcos Calles, quen lles transmitiu a riqueza histórica e artística do templo lucense aprendendo o arte románico a través da asignatura de Xeografía e Historia. A continuación, recibiron unha sorprendente clase de percusión e canto, que formou parte das actividades do proxecto. Foi un momento especial para compartir o amor polo patrimonio cultural galego. Música, emoción e aprendizaxe fundíronse nunha experiencia inesquecible.
3.º ESO:
O Parque Rosalía volveu ser escenario de aprendizaxe. Os estudantes exploraron distintas especies arbóreas, reflexionaron sobre os espazos naturais urbanos protexidos, practicaron vocabulario en inglés, e aplicaron coñecementos de xeometría trazando rectas e medidas no espazo. Unha xornada para aprender coa natureza como aula e como inspiración.
4.º ESO:
O alumnado maior da etapa percorreu a cidade nunha ruta literaria na que descubriron autores galegos, os seus textos e as súas conexións co espazo urbano. Ademais, participaron en xogos populares e tradicionais no parque Rosalía, completando a xornada con actividades de ciencias e matemáticas. Mediron superficies, fixeron experimentos sobre movemento rectilíneo uniforme e, sobre todo, integraron os saberes adquiridos ao longo do trimestre.
Un proxecto que une etapas, disciplinas e emocións
“Galicia: Voces, Raíces e Paisaxes” é moito máis ca un proxecto escolar: é unha forma de vivir a educación desde a identidade, a colaboración e a paixón por aprender. A xornada final foi o reflexo perfecto dun camiño compartido entre alumnado e profesorado, cheo de descubrimentos, valores e alegría. Unha celebración da aprendizaxe con Galicia no corazón.