Os alumnos de 2º de ESO culminaron con éxito o proxecto interdisciplinar “Argalleiros”, unha experiencia de aprendizaxe baseada na metodoloxía de Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP). Os alumnos integraron coñecementos de diversas áreas baixo un fío condutor común centrado na experimentación e a creatividade.
Como broche de ouro, o colexio abriu as súas portas ás familias para a Celebración da Aprendizaxe. Foi unha xornada chea de orgullo e proximidade, na que os alumnos se converteron en protagonistas e guías da súa propia aprendizaxe.
A través da presentación dos seus portfolios, explicaron con detalle os procesos vividos, amosando non só o que aprenderon, senón tamén como o construíron, reflectindo o seu esforzo e traballo.
Un dos fitos máis destacados deste proxecto foi a elaboración dun suplemento especial para a revista Laurentina: “Argalleiros News”
Poñendo en práctica as destrezas narrativas e xornalísticas traballadas na materia de Lingua Castelá, os alumnos redactaron novas e artigos que recollían os avances de todas as materias participantes: desde a análise de forzas en Física e Química, pasando polos retos de proporcionalidade e sistemas en Matemáticas, ata o estudo do contorno en Xeografía e Historia ou o reforzo da identidade lingüística en Lingua Galega.
En tecnoloxía, o alumnado elaborou papel reciclado de forma artesanal, que posteriormente foi utilizado en Xeografía e Historia para recoller e presentar contidos, reforzando así a conexión entre materias e fomentando a conciencia medioambiental.
O proxecto tamén abriu a porta á comunicación internacional a través do traballo en Inglés e Francés, así como á creatividade e á experiencia práctica en áreas como Música, coa visita ao órgano da Catedral de Lugo, un instrumento único no mundo, que lles permitiu coñecer de preto a riqueza do patrimonio musical da súa contorna. En Educación Física, deseñaron os seus propios deportes e regulamentos.
Este suplemento non só é un exercicio de redacción, senón un testemuño do carácter integrador do ensino, onde a comunicación se converte nunha ferramenta esencial para dar voz ao coñecemento.
Parabéns a todos os nosos “argalleiros” polo seu esforzo e enxeño, e por demostrar que aprender tamén é crear, experimentar e compartir!





















