“Sintonizando”
O alumnado de 4º de ESO presentou o seu segundo proxecto do curso: “Sintonizando”. Foi unha experiencia de aprendizaxe baseada na creación dunha emisora de radio escolar desde cero. Coincidindo co inicio deste proxecto durante a Semana da Prensa e dos Medios de Comunicación, permitiulles aos alumnos aprender de forma práctica, creativa e colaborativa, ao tempo que se achegaron ao mundo da comunicación.
O reto principal consistiu en deseñar e construír unha radio real, traballando con compoñentes electrónicos e fabricando as carcasas da mesma con materiais reciclados (neste caso, cartóns de leite), dando un enfoque sostible e creativo ao produto final.
Os alumnos organizáronse como unha emisora profesional: elaboraron guións e gravaron distintos podcasts vinculados ás materias.
En Lingua traballáronse os xéneros radiofónicos e a elaboración de guións; en Lingua Galega e Historia abordáronse contidos do século XX conectados coa evolución dos medios; en Latín analizáronse termos presentes na prensa; en Matemáticas explorouse o número pi; en Inglés reflexionouse sobre a identidade persoal; e en Bioloxía estudáronse conceptos de xenética aplicados á vida cotiá e ao cine.
O proxecto enriqueceuse ademais con saídas didácticas, como a visita a un xornal local durante o desafío inicial e a unha emisora profesional (radio Ser), onde puideron coñecer de primeira man o funcionamento real dos medios de comunicación.
“Sintonizando” foi unha experiencia que fomentou non só a aprendizaxe de contidos, senón tamén habilidades como o traballo en equipo, a organización, a comunicación e o pensamento crítico, culminando na presentación e gravación en directo dos seus propios programas.









