Quantcast

Dentro do Proxecto Vertical Onde o ceo é sempre gris, o alumnado de 1.º da ESO participou nunha xornada de aprendizaxe interdisciplinaria centrada no coñecemento da natureza, do patrimonio histórico de Lugo e na preparación da próxima eclipse solar do 12 de agosto.

A mañá comezou no Parque de Rosalía de Castro, onde o alumnado realizou unha actividade organizada desde a materia de Bioloxía e Xeoloxía. Distribuídos en grupos, percorreron dez estacións seguindo o mapa do parque, resolvendo diferentes retos relacionados coas especies vexetais presentes neste espazo natural, a fotosíntese, os ecosistemas e a eclipse solar. A través de preguntas e probas de observación, puideron poñer en práctica os coñecementos traballados na aula e comprender mellor a relación entre a luz solar e a vida no noso planeta.

No propio Parque de Rosalía tamén participaron en distintas estacións preparadas desde a materia de Matemáticas. Posteriormente, o percorrido continuou por algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade de Lugo, con paradas na Catedral, na Muralla e na Casa dos Mosaicos. En cada estación debían resolver diferentes desafíos matemáticos relacionados coa álxebra, integrando a aprendizaxe desta materia co coñecemento do patrimonio histórico da cidade.

A visita tamén permitiu afondar en contidos de Xeografía e Historia. Na Casa dos Mosaicos, o alumnado coñeceu como era unha antiga domus romana grazas ás explicacións do guía, que lles mostrou diferentes elementos da vivenda, as súas dimensións e a importancia dos mosaicos como elemento decorativo. Ademais, descubriron a historia e o significado da representación mitolóxica conservada nun dos mosaicos máis destacados deste espazo.

Durante o percorrido polo casco histórico, algúns estudantes participaron tamén nunha entrevista para a radio, na que compartiron as súas aprendizaxes sobre a antiga Lugo e explicaron diversos aspectos do patrimonio visitado.

A xornada concluíu no colexio cunha actividade moi especial na que as familias puideron participar xunto cos seus fillos e fillas. O alumnado presentou diferentes xogos populares elaborados por eles mesmos nas materias de Tecnoloxía e Educación Física utilizando materiais reciclados. Pais, nais, profesorado e alumnado compartiron un tempo de convivencia, poñendo en valor a creatividade, o traballo en equipo e a importancia de recuperar formas tradicionais de lecer sostible.

Unha xornada enriquecedora que permitiu ao alumnado aprender de maneira activa, conectar distintas áreas do coñecemento e seguir descubrindo a riqueza natural, cultural e histórica da nosa contorna.