Quantcast

O alumnado de 3.º da ESO pechou o proxecto Onde o ceo é sempre gris cunha celebración da aprendizaxe que levou o traballo realizado nas aulas á cidade.

A mañá comezou cun percorrido a pé por un pequeno tramo da Vía XIX, a vía romana que estudaran en Cultura Clásica e que unía Braga, Lugo e Astorga ao longo de máis de 450 quilómetros. Nós percorremos só unha pequena parte: desde a Porta do Carme ata a contorna do Parque Rosalía de Castro.

Alí comezou a segunda parte da xornada. Entre as 9:30 e as 12:00 horas, o parque converteuse nun espazo de traballo en equipo. Cada grupo levaba o seu caderno de campo e foi superando diferentes probas relacionadas coas materias do proxecto: orientación, cálculos matemáticos, inglés, identificación de especies, observación de reaccións químicas e tamén síntese da información a través do método 1, 2, 3.

Foi unha mañá esixente, na que tiveron que poñer en práctica boa parte do aprendido sobre Galicia: as súas paisaxes, a súa cultura, o patrimonio natural e o patrimonio inmaterial.

De regreso ao colexio, algunhas familias agardábanos para compartir con eles o final da experiencia. O alumnado puido ensinarlles os portfolios, nos que se recolle o traballo realizado ao longo de todo o proxecto, e comentar as experiencias que máis lles gustaron, como a visita de Benedicta Sánchez, protagonista de O que arde.

A xornada concluíu participando nos xogos preparados polo alumnado de 1.º da ESO, tamén dentro da súa propia celebración da aprendizaxe.

Unha boa maneira de poñer o broche final ao proxecto: percorrendo a cidade, repasando o aprendido e compartíndoo cos demais.