Quantcast
Ler con atención, comprender o que se propón e decidir como afrontar un reto é o obxectivo dos nosos alumnos/as de 2º ESO neste traballo colaborativo centrado na comprensión de problemas e na aplicación dos contidos da materia de Matemáticas neles.O punto de partida foi a aplicación dos números naturais e dos números enteiros no noso día a día, ademais das operacións combinadas, o mínimo común múltiplo e o máximo común divisor. O reto consistía en recoñecer cando e como utilizar cada un destes coñecementos.

A través do traballo en equipo, puxemos o foco no razoamento: identificar os datos, interpretar a pregunta e relacionar a información dispoñible.

O traballo colaborativo e o traballo baseado en proxectos ofrecen unha oportunidade para a autoaprendizaxe e para aprender dos demais, tamén explicar unha idea axuda a ordenar o propio pensamento e a escoita doutras propostas permite descubrir alternativas diferentes de resolución. Comparar estratexias e revisar erros é a mellor maneira de aprender Matemáticas.

Elixir unha operación implica comprender por que pode axudarnos a atopar a resposta. E obter un resultado esixe deterse a comprobar se ten sentido ademais de redactar correctamente unha resposta lóxica que responda ao que se pregunta.

Esta maneira de traballar permite practicar tamén habilidades esenciais: expresarse con claridade, participar e asumir responsabilidades compartidas. Cada achega axuda a avanzar, e cada dificultade convértese nunha ocasión para pensar xuntos.

O proxecto incluíu tamén un tempo para a reflexión individual, pois na autoavaliación, o alumnado puido revisar o seu propio traballo e a partir da avaliación ao docente recolleuse a súa perspectiva, unha cuestión que é importante coñecer no proceso de ensino e aprendizaxe para que este funcione.

Aprender Matemáticas é tamén aprender a pensar e a construír solucións en equipo.