O alumnado do Colexio Diocesano San Lorenzo de Lugo foi protagonista nunha xornada educativa centrada na loita contra a desinformación sobre o cambio climático. Dentro do programa ambiental Voz Natura, o centro acolleu unha charla impartida polo xornalista especializado en meteoroloxía e clima Xavier Fonseca, de La Voz de Galicia, quen explicou ao alumnado a importancia de informarse a través de fontes científicas fiables e de analizar criticamente os contidos que circulan nas redes sociais e noutros medios.
Durante a actividade, o alumnado puido reflexionar sobre os efectos reais do cambio climático e participar nun coloquio sobre fenómenos meteorolóxicos extremos e a súa relación co quecemento global. Ademais, estudantes de 1.º de Bacharelato están a desenvolver unha investigación propia utilizando datos de estacións meteorolóxicas de Galicia para estudar a evolución das temperaturas e das precipitacións nos últimos anos.
O proxecto, coordinado polo profesor Miguel Leiva, busca fomentar o pensamento científico e o compromiso ambiental entre a mocidade, promovendo tamén propostas concretas para reducir o impacto climático desde o ámbito escolar e cotián.






