Quantcast
Skip to main content

Proxecto “Orixes” en 1.º de ESO

Durante a primeira avaliación, os alumnos de 1.º de ESO participaron no proxecto interdisciplinar “Orixes”. Este proxecto permitiulles conectar aprendizaxes de diferentes materias nun eixo cronolóxico para poder estudar os inicios da humanidade e comprender a súa evolución cultural, científica e tecnolóxica.

En Xeografía e Historia, descubriron a prehistoria e civilizacións como Mesopotamia e Exipto. Realizaron actividades tan prácticas como crear tablillas de escritura, revivindo técnicas empregadas por estas antigas culturas.

En Lingua Castelá, investigaron sobre a orixe e a evolución das linguas, mentres que en Lingua Galega centráronse na literatura oral, as categorías gramaticais e os textos descritivos. Estudaron a diversidade lingüística da península ibérica, destacando a riqueza do portugués, e gozaron da lectura de “Contos marabillosos IV”.

En Inglés, practicaron a descrición de obxectos e lugares, ampliaron o seu vocabulario sobre o fogar e reforzaron estruturas gramaticais como there is/there are e o presente simple.

A creatividade brillou en Plástica, onde os alumnos elaboraron cadros de arte rupestre con pigmentos naturais. Representaron animais como cervos, bisontes, jabalíes e cabalos, inspirándose nas pinturas das primeiras comunidades humanas.

En Bioloxía, investigaron a célula procariota e eucariota (animal e vexetal), reforzaron a súa aprendizaxe con diferentes rutinas de pensamento como “compara e contrasta”, mapas conceptuais e exercicios de cálculo con medidas de diferentes seres vivos. Os alumnos crearon os seus propios modelos da célula con materiais naturais e reciclados.

En Tecnoloxía, reflectiron a evolución da tecnoloxía construíndo modelos que ían dende cámaras antigas ata dispositivos modernos. Estudaron os distintos tipos de materiais empregados e a súa importancia no uso cotián.

As Matemáticas tamén tiveron o seu espazo neste percorrido. Os alumnos utilizaron unha recta numérica no chan para entender mellor as operacións básicas con números naturais e enteiros, e modelaron moedas de arxila relacionadas cos materiais que estudaban en tecnoloxía. Fixeron tamén o seu propio sistema de numeración en distintos soportes: madeira, papel, follas naturais e corda.

O proxecto culminou na Celebración da Aprendizaxe, un evento cheo de entusiasmo onde os alumnos presentaron os seus traballos ás familias. As familias quedaron encantadas coa creatividade, o esforzo e a claridade coa que os alumnos explicaron as súas aprendizaxes.

“Orixes” non só permitiu conectar distintas áreas do coñecemento, senón que tamén fomentou valores como o traballo en equipo, a curiosidade e o compromiso. Este proxecto demostrou que aprender pode ser emocionante e significativo, deixando pegada nos nosos alumnos e as súas familias.

Incluímos imaxes do eixo cronolóxico e unha selección de fotos e vídeos que recollen momentos destacados da presentación do proxecto durante a Celebración da aprendizaxe.

Línea temporal prehistoria Línea temporal prehistoria