Dende o ano 2016, en España celébrase o Día das Escritoras o 21 de outubro.
É unha forma de recuperar e darlle visibilidade ao legado literario que nos deixaron as mulleres escritoras como para combater a discriminación que sufriron ao longo da historia porque é innegable a escasa presencia de nomes femininos entre os autores que pertencen ao canon literario.
Como curiosidade comentamos que non sempre se celebra no mesmo día xa que se procura que caia no luns máis próximo ao 15 de outubro, día de Santa Tareixa, a patroa dos escritores españois.
O título da actividade do Plan Lector desta semana fai referencia á serie homónima estadounidense que se emitiu dende o 1984 ata o 1996. A protagonista é unha profesora de inglés xubilada, interpretada por Angela Lansbury (finada recentemente), que se adica a escribir novelas de misterio e resolve crimes no seu tempo libre. En España o nome da serie traduciuse por Se ha escrito un crimen e, como detalle paradoxal, con esta tradución tamén se borra a autoría feminina que presentaba o título orixinal. (Podemos aproveitar para facer referencia á problemática das traducións que tratamos hai ben pouco)Dende o Plan Lector, esta semana, queremos homenaxear ás escritoras das diferentes linguas que estudamos neste colexio para darlles o recoñecemento que merecen.
Tres dos nosos alumnos sumáronse á proposta de lectura para celebrar o Día das Escritoras e foron seleccionados para o vídeo que o Ministerio de Cultura e Deporte, a través do Plan Lectura Infinita, vai difundir a través das súas redes.
O código QR lévanos á película Anonymous was a woman (Anónimo era unha muller) creada por Mirra Banks no 1978 para reivindicar o papel das mulleres nas artes nos séculos XVIII e XIX. Máis recentemente, creouse unha bolsa homónima para axudar ás mulleres de máis de corenta anos para loitar contra o sexismo no mundo das artes.