Quantcast
Skip to main content

Plan Lector

Ao longo desta primeira avaliación, o Plan Lector desenvolveuse en estreita relación cos proxectos levados a cabo nos distintos cursos. As lecturas escollidas estiveron vinculadas á temática de cada proxecto, fomentando unha comprensión máis profunda e contextualizada dos contidos traballados en cada materia.

Como sabemos, os libros axudan a voar coa imaxinación, por iso, en todas as aulas creáronse recunchos especiais reservados para o Plan Lector. Estes espazos, ademais de amosar as evidencias da lectura, foron ambientados con lemas inspiradores, expresados en diferentes linguas, sobre as "ás" que nos proporciona a lectura.

Ademais, esta primeira avaliación arrincou cunha actividade especial centrada no mundo do cómic baixo o título “Buscamos Héroes”. Neste proxecto, o alumnado foi
protagonista do seu propio proceso creativo: idearon personaxes orixinais, elaboraron os guións e deseñaron os seus propios cómics, respectando a linguaxe e os elementos propios deste xénero narrativo. A experiencia resultou altamente enriquecedora, combinando creatividade, expresión escrita e visual, ademais de fomentar o traballo en equipo.

Outro dos grandes eventos do trimestre foi o I Certame de Contos de Nadal do CDSL, que contou cunha alta participación do alumnado. Este concurso serviu para incentivar a expresión escrita e a creatividade, ademais de fomentar o espírito festivo e a tradición literaria propia destas datas.

O Plan Lector segue a ser unha ferramenta fundamental para potenciar o hábito lector e o pensamento crítico do noso alumnado, e continuará evolucionando ao longo do curso con novas propostas que integren lectura, aprendizaxe e creatividade.

As actividades do Plan Lector contan, ademais, coa Casiña de Ler, o gran espazo no que cada día moitos alumnos pasan o recreo, compartindo o tempo cos compañeiros nun ambiente acolledor e rodeados libros. Durante o curso desenvólvense alí algunha das clases e tamén teñen á súa disposición moitas das obras de lectura obrigatoria, así como moitas outras adaptadas aos seus gustos e niveis, que poden levar en préstamo.