Cada día estamos máis preto do inicio das PAU, a proba que para moitos definirá os vosos vindeiros anos. Seguro que estades tensos, cada día máis nerviosos. Deixádeme dicirvos que é totalmente normal. É a primeira vez que vos enfrontades a unha proba así e en ocasións podedes sentir que non sabedes como abordala. Para iso, déixovos unha breve guía de consellos e pasos a seguir para preparar esta proba coa maior tranquilidade e organización posibles. Agardo que vos sexa útil!
1 – CALENDARIO DE ESTUDO.
Cando nos enfrontamos á preparación de probas deste estilo é fundamental a organización do noso tempo. Estades afeitos a ter entregas, deberes, exames parciais… que vos marcan os ritmos, pero agora, atopádesvos sós con moitos días por diante e cero planificación. Por iso, o primeiro que debedes facer é crear o voso calendario de estudo. Debedes ter en conta:
- Canto tempo tedes.
- Canto contido debedes estudar.
- Que materias levades menos preparadas ou vos custan máis.
Unha vez que o teñades claro, podedes comezar a organizalo no voso calendario. Debe ser algo moi concreto. É dicir, non poñemos que imos estudar Lingua Castelá, senón que imos ler e subliñar o Tema 3 de Lingua Castelá e repasar o Tema 4 de Bioloxía.
Ollo! O noso calendario de estudo pode xogarnos unha mala pasada se non o usamos ben. Por iso, recoméndovos:
- Ser realistas no momento de facelo, xa que debemos tratar de cumprilo. Non poñades 10 horas de estudo ao día. Ninguén vos coñece mellor ca vós mesmos. Tede en conta os vosos ritmos e cando adoitades estar máis cansos (pola mañá, as fins de semana, cara á última hora do día…)
- Non vos obsesionedes. Haberá días que vos custe máis seguir o planning, e NON PASA NADA, sempre e cando non sexa o habitual. Hai mil factores que poden alterar o noso estudo. Se un día sentes que estás moi canso e non estás aproveitando o tempo, é mellor que pares e descanses. O teu cerebro agradeceracho.
2 – ESTUDO ACTIVO E DINÁMICO.
Vas pasar moitas horas estudando, polo que, canto máis dinámico sexa, mellor. Para iso, déixoche algúns consellos:
- Crea contido: cando escribimos, xa sexan mapas conceptuais, esquemas, resumos, flashcards… o noso cerebro actívase e retén con maior facilidade os contidos. Non te limites a ler e subliñar.
- Usa os exames anteriores: usar exames de anos previos é perfecto para afacerse ao modelo (aínda que cambiase en 2025), observar o progreso, repasar de forma activa e detectar temas recorrentes nos exames.
- Convértete en profesor: un método tanto de repaso como de estudo super activo é dicir o contido en voz alta. Ademais de ser máis entretido e ameno, axuda en moitos aspectos: favorece a comprensión (non chapar), mellora a capacidade de explicar (fundamental en exames de desenvolvemento e comentarios de texto), activa o cerebro, xa que usas a linguaxe, a audición, a memoria…
- Descansos activos: nada de coller o móbil segundo paramos de estudar. Sae da túa zona de traballo, bebe un pouco de auga, móvete, fala con alguén, toma o aire… aínda que sexa por cinco minutos. Un estudo activo debe ir acompañado dun descanso activo.
3 – REPASOS.
Os repasos son fundamentais en calquera rutina de estudo, pero cando falamos da preparación de exames a máis longo prazo, son fundamentais. Aínda así, é importante saber facelo para que realmente nos sexan útiles.
Sabías que hai unha relación entre as veces que repetimos un contido no tempo e a súa eficacia?







