Quantcast

O alumnado de 4.º da ESO celebrou o remate deste proxecto expoñendo ás súas familias o traballo realizado durante estas últimas semanas de clase.

Neste proxecto sobre Galicia, as distintas materias centráronse en afondar no mapa da nosa comunidade. Nel plasmaron a información traballada desde as diferentes materias.

En Inglés, promocionaron os lugares, feiras ou espectáculos máis importantes para eles da nosa comunidade, desde equipos de fútbol ou baloncesto ata praias, montes e mesmo feiras gastronómicas.

En Bioloxía, coñeceron o significado da pegada de carbono, así como o das diferentes etiquetas presentes nos produtos que consumimos no noso día a día, como a que indica que un produto é reciclado.

Ademais, xunto coa materia de Matemáticas, traballaron sobre as eclipses. Mentres que en Bioloxía coñeceron de primeira man como se producen, en Matemáticas estudaron a traxectoria da sombra deste fenómeno ao seu paso pola nosa comunidade.

Presentación en el aula
Experimento con globo terráqueo

Seguindo con estas dúas materias, Bioloxía e Matemáticas, o alumnado estudou como afectan os incendios aos bosques da nosa comunidade e cales son as súas principais causas.

Ademais, xunto coa materia de Francés, buscaron información sobre as especies de animais que habitan nos nosos montes e, coa axuda da intelixencia artificial, realizaron unha recreación destes fusionados co lume.

Na materia de FOP, o alumnado elaborou o seu futuro currículo e coñeceu en profundidade a situación das diferentes universidades da nosa comunidade, ademais de estudar as zonas con maiores oportunidades laborais.

presentacion universidades

O alumnado que cursa Latín buscou información sobre as vías romanas que atravesan a nosa comunidade, facendo especial fincapé na Vía XIX, que situaron sobre o mapa de Galicia.

Na materia de Lingua Galega afondaron no coñecemento de compositores e intérpretes galegos, creando as súas propias listas de reprodución en Spotify. Ademais, dous dos alumnos elaboraron un vídeo con esta música no que mostraban diferentes imaxes do grupo desde os seus comezos no centro, poñendo así o broche final a esta etapa das súas vidas.

Por último, na materia de Educación Física, tomando como referencia os contidos da unidade didáctica sobre xogos populares, cada grupo deseñou o seu propio xogo tradicional. Durante esta xornada explicárono ás familias, que en moitos casos xa coñecían algúns deles, e animáronas a participar para comprobar o seu funcionamento.