Onte, día 15 de febreiro, o noso colexio converteuse nunha gran festa. Compartimos coas nosas familias, amigos, autoridades e familias interesadas en coñecer o noso colexio unha xornada de Celebración da Aprendizaxe na que explicamos os proxectos educativos que realizamos neste curso.
Aprendizaxe Baseada en Proxectos
No CDSL apostamos pola innovación metodolóxica e este ano os nosos alumnos están a descubrir os desafíos propostos na aprendizaxe baseada en proxectos, ABP, unha nova maneira de entender a educación que potencia o traballo en equipo, a investigación e o orgullo da superación persoal.
A aprendizaxe baseada en proxectos comeza cun desafío inicial que esperta a curiosidade polo futuro traballo en equipo.
A partir de aí, os grupos de traballo, con roles asignados, asumen un traballo estruturado en etapas nas que aos poucos van avanzando no seu coñecemento.
Os proxectos concrétanse nun produto final e unha celebración da aprendizaxe, momento no que os alumnos expoñen ás súas familias e amigos o que aprenderon durante o proceso. Unha posta en escena que os nosos alumnos afrontaron con moita soltura . Sorprendéronnos pola súa seguridade, coñecementos e ganas de explicarnos todos os detalles dos seus proxectos, o que indica que gozaron moito con eles. Este é o verdadeiro obxectivo da nosa metodoloxía educativa e onte demostraron que o conseguiron.
Os Nosos Proxectos
Os nosos alumnos presentaron os tres proxectos educativos deste curso: O Lego cobra vida, proxecto de 1.º ESO sobre a célula; en 2.º ESO: Chámalle X, sobre a figura e tempo de Afonso, o rei Sabio e A Cuadratura do Círculo, un proxecto de 3.º ESO sobre solucións creativas ante problemas complexos.
O Lego cobra vida
Excelente traballo realizado polos máis novos do Colexio. Unha proposta na que os ámbitos científico, matemático e artístico colaboraron para alcanzar unha experiencia educativa que xamais esquecerán estes alumnos.
Onte escoitamos con atención as súas explicacións e a súa alegría é contaxiosa. O enorme traballo que fixeron valeu a pena. O resultado foi unha exposición completa e reflexiva sobre o tema propia de niveis educativos superiores.
Chámalle X
Aproximación á figura e tempo do rei Alfonso o Sabio. Un interesante traballo no que os ámbitos da música, linguas e historia uníronse para profundar nun dos personaxes máis interesantes da nosa cultura cando se cumpren 800 anos do seu nacemento.
Ao escoitar as súas explicacións percibimos que non soamente aprenderon moitas cousas senón que tamén gozaron moito nese camiño.
Como produto final, sorprendéronnos con esta fantástica interpretación, realizada polos alumnos de 2.º ESO e dirixida polo seu profesor de música, da Cantiga C, adicada a Santa María.
Celebración