Quantcast
Skip to main content

Que mellor maneira de retomar as clases despois da Semana Santa que dedicando o Plan Lector ás lecturas que nos acompañaron durante as celebracións?

De entre todas, imos traballar especialmente co relato da Paixón. Desde o punto de vista literario é un interesante texto co que traballar na aula. Fixarémonos nos seus aspectos narrativos, no gusto polos pequenos detalles descritivos e, sobre todo, na finalidade didáctica deste texto tan fácil de ler de maneira dialogada e, por tanto, tan fácil para adaptar ao teatro. Como exemplo, no QR que acompaña ao cartel, tedes unha ligazón á Paixón que se representou na parroquia de Antas. Neste caso, unha adaptación moderna en galego.

Son moitas as obras mestras da imaxe de Cristo na cruz e non foi tarefa sinxela escoller unha, pero eliximos a de Zurbarán seguindo o consello do noso profesor de Arte, Anxo Barreiro.  Seguro que vos cativa tanto como a nós a súa mirada e a potencia que se consegue a través da sinxeleza.

Tamén vos propoñemos que escribades as vosas poesías e contos sobre o tempo de Pascua, partindo de lecturas como a “Pascua de Resurrección” de Antonio Machado ou os versos dedicados ao mesmo tempo de Luís de Góngora; buscando información sobre o Luns de Pascua irlandés ou  a lenda do coello de Pascua, unha tradición anglosaxoa, entre outras.

Leremos o relato da Paixón na aula e que os alumnos interpreten distintos personaxes. Fixarémonos en aspectos narrativos, como os tempos verbais, categorías predominantes, tipo de sintaxe…

Interesante actividade será facer unha lectura comparada entre as distintas versións dos Evanxeos e falar das diferenzas, similitudes e cuestións de estilo. Pensaremos en distintas adaptacións a outros xéneros e buscaremos información das distintas versións que xa se realizaron