Quantcast
Skip to main content

Iniciamos un novo proxecto en 1.º ESO no ámbito científico-tecnolóxico «Duro coma unha pedra».

Ilusión e sorpresa inundaron a aula de 1.º ESO cando ao abrir a porta atopamos un volcán xigante, lapas de lume, globos de cores, centos de minerais para identificar, fósiles, reactivos químicos e material de laboratorio na mesa do profesor, todo perfectamente decorado con papel vermello, amarelo e laranxa.

A clase transmitía moita emoción e ganas de aprender. Cada vez máis emoción ata que nós mesmos puidemos experimentar a simulación dun volcán con ácido acético e bicarbonato e aínda máis emoción cunha simulación máis espectacular: un volcán con dióxido de manganeso que descompuxo o peróxido de hidróxeno desprendendo osíxeno.

Identificamos diferentes rochas e minerais, entre elas a calcita, liberando burbullas de dióxido de carbono engadindo unhas gotas de ácido clorhídrico, espectacular. O sabor salgado da halita ou a atracción da magnetita a un imán.

Puidemos botar man de mostras de diferentes fósiles e unha mostra de ouro e diamante de gran valor. Aprendemos que a mina dun lapis de grafito ten a mesma composición que un diamante a pesar de ser tan diferentes. Aprendemos a valorar a importancia dos minerais na vida diaria.

Unha mañá moi ilusionante que continuará ao longo deste proxecto que hoxe comezamos.